Tuesday 30 de April de 2024

O Concello de Moeche destinará cerca de 99.000 euros á reparación doutras oito pistas municipais


Son dous proxectos financiados con cargo ao POS+ 2022 e ao Plan de Camiños da AGADER

O Concello de Moeche ten publicada na plataforma dixital de contratación pública a licitación dun novo paquete de reparacións viarias que desta vez se centrará en cinco pistas de Labacengos, San Xurxo e San Xoán e, máis en detalle, varios tramos situados en Lavandeira, Vidueira, Caleira, Petón e Outeiro. Nuns casos renovarase a calzada cunha capa asfáltica e noutros estenderase saburra despois de nivelar a superficie e limpar as gabias. O orzamento das actuacións ascende a 31.850,55 euros, IVE incluído, financiados practicamente na súa totalidade cos fondos do POS da Deputación da Coruña. Por outra banda, nos próximos días tamén está aprobada a licitación do “Plan de Camiños” da AGADER -cerca de 67.000 euros cofinanciados polo Concello e por Medio Rural con fondos europeos-, que se destinarán ás pistas O Retorno-Albariza, Vigo-Casalousada e Camiño-Casanova de Vilar.

En Labacengos vanse reparar os camiños da Lavandeira -725 m- e o da Vidueira -de 555-, aínda que aplicando distintos procedementos. E é que o da Lavandeira, malia os baches, presenta un estado xeral que poderá mellorarse facendo unicamente un tapado e compactado dos buratos para logo volver asfaltar de maneira que a pista recupere a resistencia e regularidade. Ademais os últimos 100 metros encóntranse en bo estado e abondará con limpar a superficie e máis as beiras.

No caso do camiño da Vidueira, onde os danos son máis acusados, será necesario botar unha capa intermedia de grava e un dobre tratamento superficial que asegure unha maior achega de asfalto. Farase así nos primeiros 280 metros, xa que a partir de aí e ata o final da pista o firme só require correccións puntuais e que se lle perfilen as cunetas, algo que se fará en todas as pistas do proxecto.

A opción técnica de capa de grava e dobre ración de asfalto será a que tamén se utilice no camiño da Caleira, de 285 metros e situado na parroquia de San Xurxo. Neste caso os traballos alcanzarán un ramal de 30 metos de lonxitude que enlaza coa pista forestal que sobe ao monte, na que non se actuará.

Os outros dous camiños incluídos neste proxecto viario son os do Petón (85 m) e o do Outeiro (130 m), en San Xoán. O do Petón está asfaltado nos primeiros 30 metros e os 55 restantes son de saburra, igual que en todo o trazado do Outeiro. A proposta técnica aconsella reparar a superficie asfaltada e repoñer os tramos de saburra con novas achegas de material compactado e debidamente nivelado.

Os aspectos técnicos e administrativos do contrato poden consultarse na Plataforma de Contratación co Sector Público, o sitio a través do que as empresas deberán presentar as súas ofertas. Teñen de prazo para facelo ata as 23:59h do día 27 de xullo. O prezo de partida son 31.850,55 euros, impostos incluídos, financiados case na súa totalidade con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña. O “case” é porque, de adxudicarse finalmente nese prezo, o Concello debería poñer 250€ de fondos propios.

Plan de Camiños da AGADER
Nos próximos días tamén sairá a contratación pública o proxecto de reparación viaria acollido este ano ao chamado “Plan de Camiños” da AGADER, cifrado en 67.000 euros (IVE incluído). O 82% está cofinanciado con fondos europeos e o 18% restante -algo máis de 11.600 euros- serán asumidos polo Concello, xunto cos custes do estudo de control de calidade.

Este programa diríxese a reparacións en eixos que comuniquen explotacións agrícolas ou gandeiras. As actuacións elixidas polo Goberno local na presente anualidade son a pista O Retorno-Albariza (1,7 quilómetros), Vigo-Casalousada (730 metros) e Camiño-Casanova de Vilar, que suman outros 1.090 metros, incluídos dous ramais de 90 e 170 metros que tamén se pavimentarán.